A exposición "A ollada do desexo. Obra fotográfica de Eduardo Blanco Amor, 1933-1973" percorre Ourense

Categoría: Nova

A exposición, producida por Editorial Galaxia, está comisariada por Carlos Lema quen escolmou un total de 69 fotografías do amplo arquivo fotográfico de Blanco Amor, miles de negativos que o escritor doou á Deputación de Ourense e que a institución garda como un prezado tesouro.

Ista xira ourensá de "A ollada do desexo" encádrase no programa Ourense Fotoliterario, unha iniciativa da Delegación da Consellería de Cultura e Deporte en Ourense co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Iniciou a súa andaina a comezos de agosto en Allariz, na antiga Praza de Abastos, e durante setembro se pode visitar no Centro Cultural Avenida de A Rúa de Valdeorras. No mes de outubro estará na cidade das Burgas.

As 69 fotografías de Blanco Amor cubren un período de 40 anos, ilustrando a traxectoria vital do autor de A esmorga, os paraísos visitados, as súas querencias e as súas obsesións. "Blanco Amor cultivou a súa obra gráfica cunha intención claramente estética e fíxoo durante toda a súa vida" comenta Carlos Lema, o comisario da exposición, que agrupou as fotografías en catro áreas temáticas de diferente extensión pero de semellante intensidade: "O escritor e a fotografía", que dá as claves desta afección; "O outro lado do espello", que recolle retratos e autorretratos que mostran a construción da propia imaxe; "Os outros", que nos permite ver á xente a través dos ollos do escritor e, finalmente, "Itinerario polo mundo", onde se nos achega aos lugares procurados, tamén aos atopados, polo Blanco Amor viaxeiro.

"A obra literaria -escribe Carlos Lema no folleto da exposición- bota unha luz oblícua, ás veces enganosa, sobre o seu autor pero non deixa de ser mostra da súa personalidade. A fotografía, pola súa banda, fixa unha realidade, finxida ou non".

Comparte nas túas redes sociais ou por email