Hoxe martes ás 12 horas no Salón Principal do Real Club Náutico de Vigo presentarase diante dos medios de comunicación o libro do cociñeiro Benigno Campos, "A cociña de Larpeiros. 150 receitas de Benigno Campos". O acto contará coas intervencións de Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Xosé Cermeño, director do programa Larpeiros, Tomás Alonso, compañeiro do programa, e o autor, Benigno Campos.

A riqueza e variedade da cociña tradicional galega é a base da que parte Benigno Campos para elaborar 150 receitas de cociña no seu libro "A cociña de Larpeiros". O popular cociñeiro do programa Larpeiros, da Televisión de Galicia, propón un percorrido saboroso pola cociña galega de sempre, tradicional e sinxela, á que engade unha achega persoal en cada un dos pratos propostos e a recomendación dun viño axeitado para os acompañar. O libro vai precedido dun limiar do escritor Xosé Cermeño e ponlle cabo o epílogo do xornalista Tomás Alonso.

O saber culinario de Benigno Campos Melón vénlle de Chapela, o barrio que une Vigo con Redondela, ao pé da ría, onde medrou entre os sacos, as latas e os aromas do negocio familiar de ultramarinos, e onde tivo un forno de pan a poucos pasos da súa porta e xogou nunha praia rica en ameixas, berberechos e beretes, lindante con leiras de leitugas e patacas. Logo, Benigno Campos acabou de facerse no Vigo fabril e sindicalista: traballou mirando ao mar para o que miran os estaleiros, as conserveiras, os naseiros, as redeiras, os bateeiros, as mariscadoras.

Tal como afirma Xosé Cermeño no prólogo do libro, "Os receitarios son comunmente lembrados polo nome dos seus autores, máis que polo seu título. Falamos do Picadillo, ou do Simone Ortega, ou do Escoffier. Seguramente falaremos no futuro deste libro como o Benigno, o receitario que compilou unha cociña popular, apegada á terra e á memoria". Un libro de receitas que é útil á vez que gorentoso, que pola súa utilidade aproveita para cociñar e tamén aproveita ao padal.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR