A Buenos Aires dos galegos. Unha viaxe pola vitalidade da Galicia arxentina no século XXI

Categoría: Nova

A Galicia de Buenos Aires é unha realidade. Non só una realidade histórica senón una realidade actual e viva. Contra 1914 a capital arxentina era a cidade galega máis grande do mundo, con máis de 150 mil habitantes censados desta procedencia. Axiña chegaría ata case o medio millón. Segundo os cálculos dos especialistas, entre as primeiras datas dese século e o ano 1960 non menos de 1.100.000 persoas nadas en Galicia emigraron a Arxentina, das cales -segundo comenta María Rosa Lojo no seu ensaio- "unas 600.000 se estableceron definitivamente naquela cidade".
Buenos Aires era a gran referencia dos nosos avós. Ata os anos 50 e mesmo 60, en moitas cidades e aldeas galegas sabíase máis das rúas da capital porteña (Corrientes, Ribadavia Avenida de Mayo, Chacabuco) ca de Madrid, Barcelona e ás veces de Coruña ou Vigo.
¿Qué foi de todo aquilo? A Feira do Libro de Buenos Aires, unha das máis concorridas de América, anuncia que no ano 2016 estará dedicada a Santiago de Compostela e, por extensión, á cultura galega en xeral. Despois dos italianos, o continxente dos galegos marca as grandes achegas inmigrantes á nación americana. "Imposible entender Arxentina sen os galegos", advertia en 1973 Antonio Pérez Prado no seu libro "Los gallegos y Buenos Aires".
A revista GRIAL aborda neste número unha realidade dinámica e consciente: fillos e netos daqueles emigrantes manteñen dalgunha maneira a memoria dos seus proxenitores, mesmo desenvolvendo iniciativas tan importantes como o Instituto Arxentino Santiago Apostol, que na actualidade escolariza arredor de 700 alumnos segundo os programas educativos da Arxentina e Galicia, con coñecemento obrigatorio da lingua e a cultura galegas, ou organizacións de base case que esponténas pero moi activas como os Terzos da Fala, os Lectores de Buenos Aires, Herbas de Prata, a Biblioteca do Museo da Emigración Galega, etc.
María Rosa Lojo, Miguel Luis Chiloteguy, Ruy Farías, Facundo Reyna Muniain, Carlos X. Rodríguez Brandeiro, Carlos Zubillaga… participan neste monográfico, que intenta presentar a realidade actual da Galicia de Buenos Aires contextualizada na súa memoria histórica e proxectada cara ás suas posibilidades de futuro.
Tal como explican os representantes do grupo Xeito Novo, entrevistados por Carlos Brandeiro e Víctor F. Freixanes, "a vitalidade dunha cultura mídese pola súa capacidade de dar respostas ás demandas de cada tempo histórico. Somos galegos, pero dende Buenos Aires…".

O número 206 compleméntase co discurso que pronunciou o profesor Ramón Villares na súa toma de posesión como doutor honoris causa na universidade do Minho o pasado 15 de xuño: "Variacións sobre a Gallaecia r a fronyeira do Miño", así como traballos de Fernando Venancio, investigador en lingüística na universidade de Ámsterdam: "O pasado galego do portugués", Xesús Palmou ("O dereito civil de Galicia como definidor da personalidade"), Xosé Manuel Dasilva ("A colección GRIAL perseguida pola policía franquista"), Francisco Díaz-Fierros ""Ciencia, técnica e progreso en Curros Enríquez") e o profesor Jose Colmeiro dende a universidade de Auckland en Nova Zelandia: "Novas enrucilladas dos estudos galegos no mundo globalizado".

Comparte nas túas redes sociais ou por email