A biografía de Uxío Novoneyra

Categoría: Nova

O xoves na Feira do Libro de Santiago, o escritor e xornalista Antón Lopo presentou A DISTANCIA DO LOBO, unha obra xa imprescindible para afondar na figura de Uxío Novoneyra, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Xunto co autor participaron no acto Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, Herminio Barreiro, profesor da USC, membro do grupo Brais Pinte e grande amigo de Novoneyra, e Uxío Novoneyra Rey, fillo do poeta, quen mostrou a emoción e o agradecemento de toda a familia a Antón Lopo por este fermoso traballo biográfico.

Para Antón Lopo, A distancia do lobo supón a súa terceira aproximación biográfica a un escritor galego: en 1992, publicou a Fotobiografía de Fermín Bouza Brey e, en 2004, en Editorial Galaxia, As tres mortes de Lorenzo Varela. Antón Lopo utiliza a obra do poeta, as súas entrevistas e os seus discursos para reconstruír a traxectoria vital dun escritor que mantivo a liberdade como principio irrenunciable. A partir dese material, e mediante unha serie de entrevistas con Elba Rey -viúva de Novoneyra- e con amigos e persoas que o trataron en vida, trénzase unha peripecia que se inicia cos estertores da vida e conclúe na infancia. A represión da ditadura, o principio de liberación dos pobos, a bohemia, o refuxio das tertulias ou as dificultades de forxar un ámbito cultural propio nos comezos da autonomía en Galicia, son algunhas das estacións dun percorrido que fai escintilar a práctica totalidade da poliédrica persoalidade dun home que converteu a poesía nunha forma de comportamento.

Comparte nas túas redes sociais ou por email