A Academia dedica o Día das Letras Galegas 2009 a Ramón Piñeiro

Categoría: Nova

No seu labor literario, brilla con luz propia o seu traballo como pensador, especialmente os ensaios recollidos na colectánea Olladas no futuro (1974), e os os títulos Filosofía da saudade e A linguaxe e as linguas (1967). É especialmente salientable tamén o seu traballo como tradutor de pensadores coma Heidegger (Da esencia da verdade), que supuxeron un paso decisivo na recuperación do galego como lingua de cultura e todo un xesto de modernidade. Pois con Piñeiro entendemos que en galego era posible acceder ao universo do pensamento, da ciencia e, en definitiva, á inmensidade global do mundo.
Tan importante coma a súa obra impresa, é o seu riquísimo epistolario co máis sobranceiro da intelectualidade galega e non galega do seu tempo. E non menos transcendente ca este foi o seu labor como orientador da cultura galega, en primeirísimo lugar a través da Editorial Galaxia (da que foi Director literario) e da revista GRIAL. Posteriormente, desde o Consello da Cultura Galega, do que foi primeiro Presidente, continuará con este labor de espallamento e defensa apaixonada dunha idea de país arredor da cal gravitou toda a súa vida.

Sen embargo, para moitos e moitas que o coñeceron e trataron, un dos feitos da vida de Piñeiro que máis se recordará é o seu labor, intenso, continuo e dedicado, de introdutor ao galeguismo, nun paciente labor socrático de ilustración e persuasión individual.

Sen dúbida, o merecido protagonismo de Ramón Piñeiro nas Letras Galegas 2009, servirá para espallar a súa obra e debater as súas ideas, e redundará, así, no arrequecemento da cultura galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email