A tradución de “Ulises”, de James Joyce, destacada entre as mellores da época

Categoría: Nova

Onte, foi o Día Mundial da Tradución, unha data que pon en valor o traballo das tradutoras e tradutores que, a través do seu labor, achegan o pensamento e as ideas de persoas de todo o mundo á sociedade. Facilitan o diálogo e o entendemento e propician que unha autora ou un autor poida contar a realidade do seu pobo coa opción de volverse un clásico universal.
Celebrando o día, a Asociación de Editores de Madrid recolleu as mellores tradución da época e, dentro dunha lista de moito nivel, destacou o Ulises, de James Joyce, traducido na Editorial Galaxia por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle. Acadou o Premio Nacional de Traducción do Ministerio de Cultura 2014.
O equipo de tradutoras e tradutores traballou durante oito anos baixo a coordinación de Carlos Lema, director de edicións da Editorial Galaxia. Cando recibiron o premio, en 2014, o xurado elixiu esta tradución “por ter resolto de maneira brillante o desafío e complexidade que supón a amplia combinación de rexistros, xogos de palabras ou ateracións presentes no orixinal”.
Publicada en París en 1922 pola librería Shakespeare and Company, a novela de James Joyce (Dublín, 1882-Zürich, 1941) desenvólvese durante un único día, o 16 de xuño de 1904, na cidade de Dublín. Joyce emprega en Ulises, á parte da corrente de consciencia, a parodia, os xogos de palabras e unha variada e ampla gama de técnicas narrativas.
A súa influencia na literatura posterior foi indubidable, tanto no que se refire á transformación que supuxo respecto da maneira de narrar coma no repertorio de formas literarias, sen esquecer a transformación da idea de novela, na que Ulises marcou o paso do modelo decimonónico ao modelo de novela contemporánea. Unha obra fundamental na historia da literatura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email