50.000 libros para construír o futuro

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia, na súa aposta por fomentar a lectura nas idades máis novas para que sexan os lectores e as lectoras do futuro, ten tres proxectos que en dous anos e medio chegaron a 50.000 escolares. A través dos títulos Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, Cousas, de Castelao, e A galiña azul, de Carlos Casares unimos a literatura ao teatro. Primeiro os rapaces e rapazas reciben o seu libro que len nas súas casas, para despois asistir á representación teatral. Desta maneira conseguimos sumar enfoques, compartir a experiencia da lectura e do espectáculo, obter diferentes visións e achegar obras fundamentais ás novas xeracións.
No que levamos de ano 20.000 rapaces e rapazas participaron desta experiencia e nun mes A galiña azul, de Carlos Casares, chegou a máis de 10.000 fogares, porque ese é tamén o obxectivo, que os libros estean nas casas, que a lectura poida ser compartida, que os libros ocupen un anaco do día a día. Grazas por esta singradura tan proveitosa e oxalá sigamos a sumar lectores e lectoras en galego!

Comparte nas túas redes sociais ou por email