Cheo de versos, novos, vellos, relidos, descubertos, inventados… Así se pechou “Dombate Primavera de Poesía”, un ciclo desenvolvido no concello de Cabana coa colaboración da Deputación da Coruña e da Editorial Galaxia, que nomeou a súa colección de poesía baixo o signo do dolmen máis famoso de Galicia.

Entre o 19 e o 27 de abril tiveron lugar obradoiros para alumnos e profesores da contorna. As xornadas abríanse coa representación da adaptación teatral a cargo de Ubú Teatro de A galiña azul, o clásico da literatura infantil de Carlos Casares,  autor homenaxeado no día das Letras Galegas deste ano. Viñeron despois obradoiros de escrita para pequenos e mozos a cargo de Xoán Carlos Domínguez e os seus Versos para conversar, María Canosa, autora de O neno inverno, María Lires, que escribe e ilustra Bechos pequechos, e Paula Carballeira, que con Nunca mascotas é finalista ao mellor poema en galego do 2016. As xornadas, pecháronse cun obradoiro para o profesorado sobre tradución poética a cargo de Yolanda Castaño e Alberto Pombo, tradutor para Galaxia de Rapsodia en negro do poeta chinés Jidi Majia.

Por mil primaveras máis!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR