30X: Día da Ilustración e aniversario do nacemento Castelao

Categoría: Nova

Hoxe, mércores 30 de xaneiro, en Galaxia unímonos á celebración do día da Ilustración e tamén do aniversario do nacemento de Castelao, e facémolo dun xeito moi especial, recomendándovos a lectura dos seus Álbums de Guerra, que estaremos presentando esta tarde ás 19:30h no Edificio Sexto do Museo Provincial de Pontevedra a carón de Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra; Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia; Xesús Alonso Montero, escritor e autor do limiar desta nova edición; Diana Vilas, investigadora; e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra.
Hai mes e medio anunciabamos a recuperación de Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos tres cadernos que completaban un capítulo fundamental na obra gráfica de Castelao: a produción de álbums de láminas para denunciar a barbarie do bando fascista durante a Guerra Civil. Publicados entre 1937 e 1938, nestes tres cadernos o Castelao humorista e retranqueiro, mesmo cando se trataba de facer denuncia social, deixa paso aquí a un artista que quere ser cronista do seu tempo inmortalizando nun berro desesperado a masacre fascista.

Comparte nas túas redes sociais ou por email