3 títulos de Galaxia, finalistas no Premio Literario Frei Martin Sarmiento

Categoría: Evento

Tres títulos da Editorial Galaxia son os escollidos no prestixioso Premio Frei Martín Sarmiento como finalistas na edición deste ano. Ao redor de 3.000 alumnas e alumnos deciden cos seus votos quen son os merecedores nas súas sete categorías. Este é o motivo polo que este galardón é un dos máis cobizados polas escritoras e escritores do noso país.
Organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas, trátase dun premio que se celebra cada ano e no que os nenos e nenas son os protagonistas. Dende Galaxia pensamos que non hai un mellor xurado posible que a nosa cativada, o futuro do país, para decidir os premiados, polo que estamos moi felices de que nesta edición de 2019 – 2020 tres dos nosos títulos resultaran finalistas nas seguintes categorías:
Categoría infantil: A casa do terror de Xoán Curiel
3º e 4º Eduación Primaria: Puf! Vaia peido. Seres sorprendentes con nomes ocorrentes de Luisa Martínez Lorenzo.
Bacharelato e Adultas: O último barco de Domingo Villar.
Dende unha casa de terror ateigada de monstros e pantasmas que adoran bailar en A casa do terror, coñecer o xeito de vida dos animais da man de Luisa Martínez Lorenzo ata vivir a intriga máis apaixoante na novela de Domingo Villar, este premio non só é para quen escribe en galego, senón para os que o recomendan e disfrutan da lectura adentrándose na súa galaxia particular.
Resultar finalistas na selección xa é un premio. Porque que os nosos títulos reciban tanto agarimo polos máis novos xa o é.

Comparte nas túas redes sociais ou por email