Hoxe, 26 de outubro celébrase o Día do Dano Cerebral Adquirido, e asociacións e usuarios aproveitan esta efeméride para visibilizar, sensibilizar e informar, pero tamén para reivindicar que se garanta a continuidade asistencial e se mellore a atención ás persoas e familias con DCA.

Dende Galaxia, neste 2018, témonos sumado á causa de dous dos organismos que loitan polos dereitos da persoas con DCA: a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e a Asociacion de Dano Cerebral de Vigo Alento. Con elas colaboramos a través da publicación da última novela de Francisco Castro: Iridium.

Saído do prelo o pasado 3 de setembro, coa compra de Iridium estarás apoiando a Alento e FEGADACE, xa que un 2% do prezo de cada libro se destina a esas asociacións. Ademais diso, Iridium busca concienciar sobre a mirada dos demais e sobre o día a día dunha persoa con DCA. Esta novela conta a historia de Iris, unha rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e tantos do seu tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten, ademais, unha discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas importantes. É unha raíña do Instagram, onde ten milleiros de seguidores en todo o mundo. Seareiros que ignoran o que lle pasa e que se o soubesen igual non a quererían tanto. É, pois, unha novela de denuncia da hipocrisía de moitos “normais” que desprezan a todas e a todos os que son diferentes.

Hoxe, mediante a lectura, podes sumar a túa voz á de milleiros de persoas que reclaman o valor de ser diferentes, o dereito a vivir sendo diferente.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR