25N: Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Categoría: Nova

Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión é o título do novo ensaio de Carme Adán. Un volume que inaugura a colección Feminismos da Editorial Galaxia e onde a autora quixo poñer en palabras a violencia que sofren as mulleres dentro da actual sociedade patriarcal. Unha violencia que, nos últimos tempos, se ten detectado e recoñecido, mais que aínda custa chamar polo seu nome: feminicidio.
O sábado 24 de novembro, na véspera deste Día Internacional contra a Violencia de Xénero, Adán estivo na Casa do Libro de Vigo para presentar esta nova achega. Alí acompañárona a dramaturga e actriz Marta Pérez e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Ademais, houbo unha actuación musical a cargo de Carolina Vázquez, alumna de 2º da ESO de Igualdade de Xénero no IES Politécnico de Vigo, que interpretou unha canción composta e escrita por ela mesma para denunciar a violencia machista.
Carme Adán (Donostia, 1966) é doutora en Filosofía, ensaísta e política, actualmente imparte aulas no IES Politécnico de Vigo, onde é catedrática. Presidiu a Aula Castelao de Filosofía (1997-2005), a Unidade Muller e Ciencia de Galiza (2007-2009), foi deputada no Parlamento galego polo BNG na VIII e IX Lexislatura e desempeñou o cargo de secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email