21 de marzo: Día da Poesía

Categoría: Nova

Hoxe, 21 de marzo, é o Día Mundial da Poesía, e dende a Editorial Galaxia quixemos sumar as nosas voces ás de quen neste día homenaxean á unha das máis grandes poetas do pasado século, Xohana Torres: de aí, ese barquiño de papel cheo de poemas que lanzamos a este mar grande que é a rede. Pero ademais, imos aproveitar para recomendarvos algúns dos últimos títulos que publicamos na colección Dombate.
Comezabamos o novo curso coa aparición de Corpo de Antiochia, o segundo poemario dunha novísima Tamara Andrés que nos propón unha viaxe a través do tempo e un novo xeito de ollar para as cousas. Este libro que xa vai pola segunda edición, foi amplamente recoñecido pola crítica nos últimos meses. Pouco tempo despois, vía á luz Latexo beat unha antoloxía na que se recollía  o espírito do Festival Kerouac, que cada ano conecta Vigo e Nova York e que leva ás rúas a intervención poética.
Comezando xa o novo ano, chegaba ás librarías Mudanzas e outros velenos, un volume no que se reúnen os tres primeiros poemarios de Marilar Aleixandre, xa descatalogados, e que constitúen unha achega fundamental para descubrir unha das poéticas máis orixinais das últimas décadas. A esta recuperación seguiulle a publicación de Cartas dende o esquenzo, unha nova entrega poética de Baldo Ramos onde o autor establece un diálogo co pai que envellece asfixiado pola perda da memoria e os seus fillos: un fillo que está dentro das súas palabras e unha filla que fala dende fóra, a pé da páxina. Tamén na tensión dentro-fóra sitúase nós-dentro de Eduardo Estévez, un libro no que a poética do cotiá brilla coma nunca antes na traxectoria do poeta.
E pechamos as nosas recomendacións con dous libros especialmente agardados: Tres estudos para un poema da cidade, o segundo poemario de Antón Blanco Casás, un tríptico no que se recupera o discurso épico e antropolóxico para trasladar o poema a unha nova dimensión; e Memoria do corpo, o regreso á poesía de Xesús Rábade Paredes despois de cinco anos, un libro a través do que descubrir o mundo no que vivimos, as marcas que deixa no corpo, na palabra.
Este 21 de marzo, espalla poesía! Nós tamén navegar!

Comparte nas túas redes sociais ou por email