17 títulos LIX de Galaxia, entre os máis influentes en Galicia

Categoría: Nova

A guía do PLAMBE recolle 17 títulos LIX da Editorial Galaxia, como os máis influentes, en Galicia, nos últimos 15 anos. Trátase de libros que tiveron unha maior presenza nas bibliotecas galegas e que, despois de acompañar os nenos e nenas no seu desenvolvemento persoal, contan cun amplo recoñecemento do público, facendo da LIX galega unha literatura referente no panorama actual a nivel mundial.
Títulos como Chámademe Simbad, Lista de Honra do IBBY 2012, de Francisco Castro, O neno can, Lista do Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais , 2013, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, ou O meu pesadelo favorito, Premio Lazarillo de Creación Literaria 2014, de María Solar, atópanse na lista.
Na selección de White Ravens, destacan Que contan as ovellas para durmir?, de Kiko da Silva (The White Ravens, 2005), Contos para non comer, de Oli e Andrés Meixide (The White Ravens, 2006), O prodixio dos zapatos de cristal, de Xosé Antonio Neira Cruz (The White Ravens, 2009) ou, tamén, O meu pesadelo favorito, de María Solar (The White Ravens, 2015).
Teñen a honra de pertencer na categoría de selección de libros, dende o 2005 ata o 2019, títulos como De cores e de amores, de Xabier P. Docampo, en 2005, Comedia bífida, de Manuel Núñez Singala, en 2007, Das novas cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín, en 2008, Jan estivo alí, de Xosé Antonio Neira Cruz e David Soler, e Menú de enganos, de Manuel Núñez Singala, en 2010. En 2011, Nómades, de Xosé Tomás, O neno can, de Fina Casaderrey e Francisco Castro, en 2012. En 2014, O achado do castro, de Manuel Núñez Singala, e As señoras cousas, de Helena Villar Janeiro. En 2016, Oxalá estiveses aquí, de Charo Pita, e en 2019, Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala e Bicos e non balas, de Antonio García Teijeiro.
Estas son as obras referentes que forman parte do imaxinario do lector e da lectora que foi medrando xunto coa rede de bibliotecas escolares galegas. Sen dúbida, é unha honra que os nosos títulos estean entre os seleccionados!

Comparte nas túas redes sociais ou por email