120 ANOS DE CICLISMO GALEGO: Presentación do libro e inauguración de exposición

Categoría: Nova

Ambos eventos tiveron lugar nos xardíns de Montero Ríos, nas Avenidas, entre o mar da Ría e a Alameda (Praza de Compostela), a dous pasos do lugar que ocupara o Velódromo de Vigo, foro dos ciclistas locais de finais do século XIX.

A Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, acompañada da Directora Xeral para o Deporte, Marta Souto, salientou o sutil nexo entre deporte e cultura, evidenciado polas profundas e sólidas raíces do ciclismo galego, que este ano refórzanse pola coincidencia da saída de Vigo da LXII edición da Vuelta Ciclista a España co 120 aniversario da primeira competición ciclista en Galicia, precisamente celebrada na Alameda viguesa en 1887.

Víctor F. Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia e de MERLÍN COMUNICACIÓN, introduciu o autor do libro, que deu un breve repaso aos principais eventos que marcaron a historia do ciclismo galego, recordando tanto aos pioneiros, Curbera, Long, Neira, Sueiro, …, como os seus continuadores, Honorino Méndez, Manuel Rosales, José Ponte ou Emilio e Delio Rodríguez, madeira – en palabras de González Martín – da que saíron as grandes figuras contemporánes.

Rematada a presentación, os asistentes, entre os que se encontraban a filla e a neta de Delio Rodríguez, Álvaro Pino, Jesús Blanco Villar, Óscar Pereiro e Valeri Karpin, acompañaron a Ánxela Bugallo nunha demorada visita á exposición, que foi guiada polo comisario e autor do libro.

A exposición está composta por 20 paneis autoportantes que recollen máis de 50 fotografías e breves textos explicativos. A súa ordenación é cronolóxica e pode visitarse seguindo a numeración dos paneis en secuencia crecente ou decrecente. Deste xeito o interesado poderá ter unha ampla información da historia do ciclismo galego entre aquela data inicial de 1887 e os nosos días. A maiores disto, MERLIN COMUNICACIÓN preparou unha montaxe audiovisual que a Fundación Deporte Galego colocará na súa páxina web para que aqueles que o desexen podan acceder a un resumo virtual da exposición.

Os afeccionados e curiosos poderán admirar, tamén, dous modelos de triciclos e un tándem de época, pertencentes á colección de Manuel Pazó Olmedo que, alternativamente, se mostrarán na área da exposición e no baixo do edificio administrativo da Xunta de Galicia, entrada principal.

A exposición permanecerá nos xardíns de Montero Ríos ata o venres 31 de agosto ao mediodía, momento no que será trasladada ao Parque de Castrelos para ser exhibida na Gala da Vuelta Ciclista a Expaña 2007. O día 1 de setembro estará no punto de arranque da volta e posteriormente acompañará ao deportistas ata Allariz (2 de setembro) e Viveiro (3 de setembro), para continuar logo a súa itinerancia por varios concellos galegos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email